Benvid@ á web da Fundación Jacinto Calvo

A Fundación Jacinto Calvo inaugura este espazo na rede coa intención de unir a tódalas persoas interesadas en formar parte do proxecto e das accións que se desenvolverán dende a nosa fundación.

A Fundación Jacinto Calvo é unha organización sen ánimo de lucro que xurde en Lugo para ofrecer aos cidadáns un espazo de pensamento libre, respectuoso e plural; en definitiva, unha canle de participación no desenvolvemento da provincia.

A entidade impulsará iniciativas que contribúan ao avance económico, cultural, político e social. Este foro acollerá e difundirá ideas para cimentar unha sociedade máis xusta e participativa; máis democrática, en suma.

Paralelamente, despregará unha serie de medidas concretas destinadas a favorecer a igualdade plena das mulleres en todos os eidos, amparar os dereitos das traballadoras e traballadores, e atender as necesidades dos lucenses residentes no exterior.

A Fundación dará continuidade ó proxecto político e persoal de Jacinto Calvo, un lucense que dedicou a súa vida a construír unha sociedade solidaria, igualitaria e xusta.

Asumimos estes valores e o conxunto do seu legado, fraguado en Lugo pero con aspiración de universalidade, e centrado nas cidadanas e cidadáns, que son os auténticos actores da acción política e social nunha democracia participativa.

Con tales referentes, a Fundación analizará a realidade da provincia e elaborará traballos de estudo, investigación e información en diferentes áreas de actividade, co obxectivo de colaborar no crecemento de Lugo, no progreso de todas e todos os lucenses.

Facebook

Twitter

©2015 Fundación Jacinto Calvo

Acceso usuarios