Jacinto Calvo López naceu en Viveiro (Lugo) o 4 de xuño de 1903 e viviu 90 lúcidos anos; a través da súa traxectoria vital pódese contar case un século de historia política.

Viviu dúas monarquías e outras tantas dictaduras, a segunda república, a cruenta guerra civil, a transición, a ansiada democracia. Non foi Jacinto Calvo un espectador á espera de acontecementos, ben ó contrario, foi un traballador afanoso que sempre loitou pola liberdade, un político entusiasta e un cidadán comprometido.

Quen chegaría a ser o gran referente do socialismo lucense -senador na democracia que tanto anhelou- ingresou no Partido Socialista en outubro de 1931, recen nacida a Segunda República.

Neste período concorreu dúas veces ás eleccións como candidato ó Congreso dos Deputados e, tralos comicios celebrados o 16 de febreiro de 1936, foi elixido compromisario para a elección como presidente do goberno de Manuel Azaña, quen en menos de tres meses pasaría a ser presidente da República deixando o goberno en mans dun político galego, Santiago Casares Quiroga.

Ao mesmo tempo, mantiña en Lugo unha actividade política incesante, primeiro como secretario da agrupación local e máis tarde xa como secretario xeral do partido socialista na provincia.

Esta etapa non estivo libre de sobresaltos, algún desagradable, como a detención que sufriu acusado de ser un dos presuntos instigadores da Revolución de Asturias de 1934 (se ben é certo que, a dicir dalgún historiador, chegaron a miles as persoas detidas por  estes acontecementos).

Pero, pola contra, tivo a oportunidade de participar nun evento histórico: A elaboración do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia. Xunto con Manuel Cobas Rodríguez representou pola provincia de Lugo ao partido socialista e á UXT nas negociacións do proxecto do Estatuto, aprobado polo pobo galego o 28 de xuño de 1936 –nun referendo no que participou o 74,5% do censo, con máis de 993.000 votos a favor e 6.161 en contra-.

O proxecto foi entregado nas Cortes Xerais o 15 de xullo de 1936 e admitido a trámite en febreiro do 37, en plena guerra civil. A guerra truncou o estatuto, como truncou a vida de moitas persoas e as ilusións dun país enteiro.

No caso de Jacinto Calvo, o soño do Estatuto de Autonomía deu paso ó pesadelo do exilio. En xullo de 1936 o político lucense era presidente da Casa do Pobo e secretario do Partido Socialista en Lugo, cargos aos que accedera dous anos atrás. Tras recibir noticias do alzamento militar, o día 18 acuarteláronse as tropas en Lugo; ao día seguinte estalaron varias bombas na cidade. Paralelamente, Díaz y Díaz Villamil, Rafael de Vega Barrera e Jacinto Calvo organizan a resistencia, intentando concentrar na capital a grupos de milicias da Frente Popular da provincia.

Pronto comprobarían que o esforzo resultaba inútil. Calvo advertiu aos seus colegas e amigos das posibles represalias, o que non evitou que perdera traxicamente a algún deles, como a Rafael de Vega, fusilado pouco tempo despois.

El mesmo viuse obrigado a abandonar o país e a permanecer exiliado durante catorce anos, case todos en Portugal. Non puido regresar ata 1951.

A dictadura censurou o pensamento e as ideas tornáronse clandestinas. Pese ao abandono da vida pública (que non do ideario político) imposto polo réxime franquista, o político lugués seguía en plena forma cando, na transición, puido por fin traballar de novo para restaurar o sistema democrático.

Nas eleccións constituíntes de 1977 formou parte, xunto con Ramón Piñeiro e Isaac Díaz Pardo, da lista ao Senado proposta pola Candidatura Democrática Galega. Jacinto Calvo volvía á política activa, tiña 74 anos e albergaba a  intención de ocupar un cargo  institucional.

Nos comicios do 28 de outubro de 1982 converteuse no primeiro socialista lucense en gañar unha acta de senador. Ademais, tivo a honra de pronunciar o discurso de apertura da lexislatura no Senado, como presidente da mesa de idade na sesión constituínte.

Repetiu cargo nas eleccións de xuño de 1986, e igualmente correspondeulle presidir a mesa de idade e inaugurar a lexislatura na Cámara Alta.

Para entón, Don Jacinto era todo un persoeiro na cidade na que transcorrera a meirande parte da súa vida.

Manuel Calvo, o pai de Jacinto, traballara de mozo na cidade de Lugo nunha docería; logo marchou a Viveiro, onde naceu Jacinto, pero a familia volveu á capital cando este tiña 3 anos. Don Manuel comprou o establecemento no que estivera empregado, que pasaría a chamarse “Confitería Calvo” e estaba situada, naturalmente, na rúa das dulcerías, oficialmente rúa Doutor Castro. No obradoiro da pastelería traballaron Jacinto e os seus nove irmáns. Xubilouse con 70 anos e nunca exerceu outra actividade profesional.

O oficio non foi o único legado do pai. Manuel Calvo militaba no Partido Republicano e en máis dunha ocasión levou ao neno Jacinto ás reunións do Centro Obreiro, nunha casa da praza de Campo Castelo.

Na mocidade continuou frecuentando os ambientes ideolóxicos de esquerda, e non tardou en compaxinar o seu traballo na pastelería co traballo social e político, aos que  dedicaría practicamente toda a súa vida.

Jacinto casou con Olga Sánchez, filla dun republicano tamén represaliado. Dende que a coñeceu, Olga foi un piar fundamental da súa existencia, e así o revelaba el con franqueza en numerosas entrevistas nas que deslizaba con naturalidade eloxios para a súa dona, a  “compañeira ideal” que soubo estar sempre á altura das circunstancias.

En todas as súas facetas, igual no obradoiro que no partido, na rúa ou na multitude de actos políticos, sociais e culturais aos que asistía, Jacinto Calvo amosábase próximo e afable e ía cultivando amigos da máis diversa índole, idade e condición.

En 1983 os xornalistas de Lugo nomeárono “Lucense do ano”. As crónicas daquela última etapa dan idea da nota de exemplaridade que acadara a súa figura. Son moitos e variados os eloxios que recibe dende os medios de comunicación, pero sobre todos destaca un que se repite invariablemente e que o presenta, tras máis de medio século na vida pública, como un exemplo de integridade persoal e política.

A vida aínda lle proporcionaría unha reparación máis substancial. Jacinto Calvo tivo a oportunidade de residir, nos últimos anos, na rúa Rafael de Vega. O rueiro amparou o recoñecemento de Lugo ao médico lucense; un valioso desagravio na honra do político represaliado, aínda que un escaso consolo polo amigo perdido.

©2015 Fundación Jacinto Calvo

Acceso usuarios